Atentado do Goberno á protección do medio ambiente
Todas as versións deste artigo : [Català] [Castellano] [Galego]
Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF rexeitan o Real Decreto-Lei en materia de medio ambiente que o Goberno acaba de aprobar en Consello de Ministros, tanto na forma como no contido. Achan que é unha burla á transparencia e participación e denuncian os retrocesos que produce na protección ambiental do noso país.
O Consello de Ministros acaba de aprobar un Real Decreto-Lei de medidas urxentes en materia de medio ambiente. Esta norma modifica a lexislación actual sobre auga, residuos e outras materias. A falta de coñecer o seu contido exacto, as organizacións de defensa da natureza queren facer unha primeira valoración.
As organizacións ecoloxistas de ámbito estatal rexeitan frontalmente esta maneira de proceder para lexislar sobre asuntos ambientais. En efecto, incumpre a normativa relativa ao acceso á información e participación pública así como as funcións do Consello Asesor de Medio Ambiente, ao se tramitar o Real Decreto-Lei polo Ministerio no máis absoluto segredo, contradicindo as reiteradas declaracións do ministro Arias Cañete sobre a súa vontade de apertura e diálogo con todas as partes interesadas. O alcance das modificacións introducidas requiría cumprir con todos os mecanismos de participación pública estabelecidos. Doutra banda, o carácter de urxencia non se xustifica polo carácter das medidas aprobadas.
No tocante á auga, entre outras medidas, o Real Decreto estabelece mecanismos para a venda directa de auga entre particulares no ámbito territorial do Plan Especial do Alto Guadiana. Esquece esta modificación legal que hai moitas máis concesións de uso que recurso, isto é, que non hai auga suficiente para todos os usos aprobados. Por tanto, permitir esta venda directa só incrementará a presión sobre un acuífero xa sobreexplotado. Alén diso, trátase dunha medida que xa se puxo en práctica en dúas ocasións no pasado, por diferentes gobernos, e o resultado sempre foi moi negativo.
O texto do Real Decreto tamén fai referenza, neste mesmo ámbito do Alto Guadiana, ás augas privadas. A modificación realizada pode supor que haxa cesións de auga que antes non se usaba, ou ben que se lexitimen situacións de explotación ilegal. Pola contra, as organizacións ecoloxistas consideran sensata a recuperación dos labores de policía de dominio público hidráulico nas bacías intercomunitarias.
En materia de residuos, a falta de comprobarmos que se mantén esta medida que xa apareceu no borrador do Real Decreto, o máis rechamante é que pecha a porta ao Sistema de Depósito, Devolución e Retorno (SDDR). Este sistema, ao incentivar os cidadáns a devolveren os envases baleiros de determinadas bebidas, permitiría unhas taxas de reciclaxe de residuos de envases moito maiores que as actuais, e de paso, o cumprimento dos obxectivos marcados pola Unión Europea. Esta nova barreira aos SDDR, que significa un retroceso de 20 anos, tamén descarta a opción de reutilización requirida pola lexislación europea na Directiva Marco de Residuos. Renúnciase así a reducir os 68 millóns de euros que custa ás administracións públicas a incineración e vertedura de residuos reciclábeis, a recuperar os 65 millóns de euros de materias primas non recicladas na actualidade e aos 14.000 postos de traballo que crearía un SDDR. No canto de imposibilitar a implantación dun SDDR, o Goberno debe fomentar probas piloto para comprobar a súa viabilidade técnica e económica.
No que atinxe a espazos naturais protexidos, a opinión das organizacións ecoloxistas é que o realmente necesario é que se cumpra a normativa existente, amplamente incumprida por moitas administracións, en especial as comunidades autónomas. A suposta simplificación anunciada en canto a que sobre un mesmo espazo recaian diferentes figuras de protección é dificilmente viábel por canto non todos eses espazos teñen o mesmo perímetro.
Por todos estes motivos, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF denuncian os efectos negativos deste Real Decreto-Lei e esixen que en diante se traballe con transparencia e unha adecuada participación da sociedade civil, a través de todos os mecanismos estabelecidos para a elaboración, modificación e revisión da normativa relacionada co medio ambiente.









