A confederación Ecoloxistas en Acción, coa colaboración da Fundación ENT, organizou o seminario ‘Puntos chave da Política Pesqueira Común para acabar coa sobrepesca. A arte de ligar ciencia, política e coñecemento‘, evento que reuniu os principais actores implicados na xestión pesqueira do Atlántico. As xornadas, que se estenderon desde as 10:00 h até as 16:00, incidiron na importancia da investigación pesqueira e a recolección de datos, no estabelecemento duns límites de captura que respecten o asesoramento científico e na participación do sector pesqueiro na xestión dos recursos.

O seminario, moderado polo xornalista Antón Luaces, de La Opinión de A Coruña, contou con relatorios de grande interese nos que participaron a Fundación Lonxanet para a Pesca Sustentábel, o Instituto Español de Oceanografía, a ONG Oceana, a Fundació ENT, un representante do sector pesqueiro artesanal e as Universidades galegas da Coruña e Santiago de Compostela.

Durante o evento, no que se expuxeron proxectos de xestión pesqueira sustentábel, analizouse o estado das poboacións de interese comercial no Atlántico e revisouse o proceso de toma de decisións e as súas repercusións socio-económicas e ambientais, entre outros asuntos, partilláronse ideas e creouse un interesante e intenso debate entre os principais interlocutores. Como resultado do evento, publicarase un vídeo cos puntos chave de cada intervención acompañados das declaracións dalgúns dos relatores e asistentes ao acto.

Ecoloxistas en Acción organizou este acto dous meses antes das negociacións que terán lugar en Bruxelas, onde os ministros de pesca da Unión Europea debaterán os límites de pesca para as principais especies comerciais do Atlántico Nordeste. Como cada ano, a decisión tomarase dentro do contexto da Política Pesqueira Común (PPC), en vigor desde 2014, que esixe acabar coa sobreexplotación pesqueira en 2015, data para caducou, e de forma progresiva e paulatina, nunca máis tarde de 2020.

Segundo datos da Comisión Europea, actualmente o 48% das poboacións que teñen seguimento no Atlántico están sobreexplotadas. Un feito que Ecoloxistas en Acción considera grave, posto que vai na dirección oposta á PPC, cuxo obxectivo principal é restabelecer as poboacións a niveis sustentábeis. Por iso, e avogando polo cumprimento do Regulamento comunitario, a voceira da organización ecoloxista, Lucía Martínez, responsábel de pesca de Ecoloxistas en Acción, declarou que ”debemos cumprir coas normativas que garantan unha pesca sustentábel e de futuro en lugar de priorizar intereses e beneficios económicos a curto prazo”.

Lydia Chaparro, ecóloga mariña da Fundació ENT, engade que «durante moitos anos os Ministros de Pesca europeos estabeleceron oportunidades de pesca superiores ás recomendadas polos científicos. É hora de reverter esta tendencia, garantir unha maior transparencia na toma de decisións, e cumprir cos requisitos da Política Pesqueira Común».

Así mesmo, as entidades organizadoras suliñaron a importancia de realizar a repartición das cotas en base a criterios sociais e ambientais, tal e como marca a normativa comunitaria. Segundo a reformada PPC, a distribución das cotas pesqueiras débese realizar segundo criterios obxectivos e transparentes, incluíndo aqueles de carácter ambiental, social e económico. As organizacións demandan, por conseguinte, unha maior protección das artes de pesca de baixo impacto ambiental e elevado impacto social.